Friday 03 de May de 2024

A Deputación lamenta a situación de Neria e lembra que a lei prohíbe efectuar pagamentos a entidades que non cumpren coas súas obrigas tributarias


Sobre a sociedade da Costa da Morte pesa un embargo de 12.117,43 euros e ademais arrastra débedas coa Axencia Tributaria e coa propia institución provincial

“É rotundamente falso que a Deputación da Coruña deba cartos a Neria porque, como saben os responsables desa asociación, a lei non permite que unha administración pública realice pagamentos a unha entidade que non cumpra coas súas obrigas tributarias”. Así de contundente se mostrou hoxe o presidente da Deputación, Diego Calvo, para explicar o porque do non abono das cotas de socio á entidade da Costa da Morte.

“Lamentamos a situación pola que está pasando esta sociedade”, asegurou o titular provincial en referencia ao embargo de 12.117,43 euros que pesa sobre Neria e que impide que se lle realice ningún pagamento. Nin sequera se puido tramitar o pago a través da conta remitida desde o xulgado, como se fai nos casos de embargo, xa que Neria arrastra tamén débedas coa Axencia Tributaria e coa propia Deputación, á que lle debe os recibos da recollida de residuos e o imposto de vehículos sobre tracción mecánica.

Esta situación, tal e como lembrou o presidente da institución provincial, foi posta en coñecemento dos responsables da asociación Neria antes de que pechara o ano 2014, co obxectivo de que regularizaran a súa situación para poder abonar a cota. Non houbo resposta de ningún tipo.

No que respecta á xestión da atención de visitantes nas Torres do Allo, os Batáns do Mosquetín e o Pazo de Mariñán, contrato adxudicado á Neria Costa da Morte S.L.U., a situación é aínda máis grave, xa que sobre esta sociedade pesa un embargo de 150.388,63 euros. Desta situación tívose coñecemento na Deputación da Coruña no mes de outubro de 2014, cando xa estaban tramitadas as facturas, correspondentes aos meses de xullo e agosto, que a empresa responsable deste contrato remitira á Deputación ata entón.

A partir daquel momento non se recibiu ningunha factura máis, o que fixo imposible que desde a institución provincial se puidera, aínda que non existira o embargo, tramitar o pago.

Por todo isto, desde o goberno provincial consideran “completamente falsas” as acusacións vertidas polo presidente da Asociación Neria, xa que “non é certo que se lles deba nada” e eles, como responsables dunha entidade, deberían saber que a lei non permite facer pagos a ninguén que teña contraída algunha débeda ou estea pendente dalgún pago.